Monday 13 de May de 2024

Muíños dubida da efectividade da ORA en Santa Marta e reclámalle a Sanmartín “diálogo” coa veciñanza


Advirte de que hai persoas que aparcaban nas rúas, agora convertidas en zona azul, que agora estacionan os seus vehículos no propio aparcadoiro do CHUS

Reclámalle tamén á Xunta “que deixe de empregar este tema para confrontar co concello” e acometa un parking “acorde ás necesidades do Clínico”

Este luns arrincaban as sancións na estreada zona ORA en Santa Marta, logo dunha semana en marcha, aínda que de xeito informativo. Unha medida que cuestionan desde as filas socialistas ao ter “serias dúbidas” da súa efectividade. O seu portavoz, Gonzalo Muíños, advirte de que xa se están dando casos de vehículos que aparcaban nas rúas que pasan a ser zona azul que agora os estacionan no propio aparcadoiro do CHUS.

“O efecto que está a ter esta actuación non parece mellorar en nada a mobilidade na zona” lamenta Muíños logo de reunirse con varios veciños da zona. O edil socialista insiste en que esta medida lle presenta “serias dúbidas” e insta á alcaldesa a “repensar esta medida e consensuala coa veciñanza” xa que, recorda, “comezou mal, sen diálogo coas veciñas e veciños de Santa Marta”.

Muíños criticou tamén a postura da Xunta de Galicia que segue sen ofrecer unha solución de aparcadoiro para o Hospital Clínico, “a pesar de que xa no pasado mandato xe cedemos unha parcela para ubicar alí un aparcadoiro con capacidade para 400 vehículos”: “a Xunta ten que deixar de empregar este tema para confrontar co concello e acometer a creación dun aparcadoiro acorde ás necesidades dun Hospital que atende a 450.000 galegos, algúns xa non só fóra de Santiago, senón fóra da provincia de A Coruña” insiste.